lunes, 20 de octubre de 2014

VISITA Á "ESCUELA DE ESCRITORES"

O pasado xoves 16/10/2014 os profes do proxecto colaborativo "Barxas Emprende: creación de una editorial" viaxamos ata Madrid con varios obxectivos marcados nas nosas axendas de traballo, entre eles, a visita á Escuela de Escritores dirixida por Javier Sagarna.

Javier Sagarna
Moi interesado polo noso proxecto, Javier prestárase amablemente a recibirnos e axudarnos en todo o que puidese hai uns meses, despois de se facer público o fallo do premio da Plataforma Proyecta Innovación, e durante unha entrevista radiofónica na Cadena SER, coa que colabora como xurado do concurso de microrrelatos.

A visita á Escuela de Escritores era a nosa primeira parada. Directos do avión e aínda coas maletas enriba, chegamos con puntualidade británica a aquel impresionante edificio da rúa Francisco de Rojas. Javier recibiunos afectuoso e cun enorme sorriso que non desapareceu na hora e media longa que nos dedicou. Ensinounos cada unha das aulas -dedicadas a personaxes literarios- e explicounos como é o seu sistema de traballo: grupos pequenos (12-15 alumnos) situados en mesas redondas que facilitan o debate e o intercambio de ideas, traballo sobre textos da literatura universal e actividades de creación por parte do alumnado. As aulas son amplas, de teitos altísimos e ventanais que filtran a vida do exterior, pero sen distraer o traballo dos escritores que as habitan. As paredes, case núas para favorecer a concentración, están pintadas cada unha dunha cor diferente.

Javier e os seus compañeiros foron moi xenerosos: ensináronos a sala de profesores, o material de traballo que elaboran e mesmo nos agasallaron con exemplares dos últimos libros editados na escola e que recollen relatos de adolescentes e adultos que van alí a aprender a escribir co soño de seren algún día, quizais, escritores recoñecidos.

Chiki Fabregat e Javier Sagarna cos profes do proxecto
E logo de facer a visita, convidounos a pasar a unha saliña pequena onde puidemos entrevistalo a el e a Chiki Fabregat, profesora do centro e especialista en literatura infantil e xuvenil. Conversamos de maneira animada: eles interesáronse polo noso proxecto de creación dunha editorial e pola publicación do álbum ilustrado, nós pedímoslles consellos sobre como motivarvos de cara á escrita creativa e todos intercambiamos risos, anécdotas e uns intereses comúns por defender que un libro é unha obra de arte. Sóavos esta frase, non si? Exacto, é a do noso proxecto, e Javier e Chiki comparten totalmente esta idea.

Naquela pequena estancia pedímoslles que vos enviasen un saúdo e aceptaron encantados, así que en poucos días poderedes velos en vídeo aquí no blog. Tamén acordamos seguir en contacto e promover unha serie de actividades que de seguro vos van parecer moi interesantes.

Finalmente, despedímonos agradecéndolles de novo a súa amabilidade e adiándonos para vindeiros contactos nos que xa participaredes tamén vós. Atentos ás noticias!!




No hay comentarios:

Publicar un comentario